Xardín (2011) é unha instalación de vídeo que explora o espazo e a natureza dentro de determinados edificios, incitando á presenza e á contemplación. O vídeo comeza coa imaxe da cúpula dunha mesquita que é sobrevoada dun lado a outro por unha pomba. Como fondo óense os ecos distorsionados da chamada a oración, e os arrolos da pomba que resoan na cúpula. Lentamente, a imaxe dá paso ao patio de ablucións doutra mesquita, non acontece ningún ritual, e pódense escoitar as andoriñas e ver o reflexo dun home que repousa preto da fonte mentres pasa unha muller en chador. A cúpula serve como transición à próxima imaxe do reflexo dun patio, esta vez nun edificio non
relixioso, tamén cunha fonte onde se reflicten os xardíns e o pórtico interior e unha muller que pasa e senta. O vídeo remata facendo un círculo visual retomando a cúpula.
Xardín foi gravado en varios lugares en Irán. Non ten unha narrativa explícita. É, máis ben, un intento sutil de entrar nun estado de meditación onde se poden facer varias lecturas, ademais de incitar á contemplación do espazo interior cos seus patróns xeométricos, repetitivos e simbólicos, similares á follaxe natural e á súa vez abstractos. A imaxe é hipnótica e por momentos recórdanos un ollo que mira, unha ilusión óptica, sensación que se agudiza co paso da pomba e o sons repetitivos. Xardín é unha analoxía entre a arquitectura e a natureza, dos polos duais da presenza e da ausencia, dos reflexos e da xeometría, pero tamén tenta engadir connotacións políticas e sociais dun país cuxa imaxe exterior está terxiversada polos políticos, polos relixiosos e polos medios de comunicación, facendo fincapé nas cuestións relixiosas e nas interaccións sociais.
